Bitácora 5º Primaria
O noso Blog RSS
Esta semana, os nenos e nenas de 5º de Primaria tiveron a oportunidade de participar nunhas charlas moi interesantes sobre a tecnoloxía e o seu uso no día a día. Durante estas sesións, puideron reflexionar sobre os beneficios e as partes negativas da tecnoloxía, abordando desde as vantaxes que nos ofrece para aprender e comunicarnos, ata os retos que pode supoñer o seu uso excesivo ou inadecuado.
A charla foi moi fructífera, xa que os alumnos e alumnas mostraron un gran interese en compartir as súas opinións e experiencias. A través deste tipo de actividades, logran comprender mellor o impacto da tecnoloxía nas súas vidas e a importancia de usala de maneira responsable.
Sen dúbida, estas xornadas axudaron a sensibilizar ao alumnado sobre o equilibrio necesario entre as vantaxes que a tecnoloxía nos ofrece e os coidados que debemos ter ao usala.
O pasado xoves 13 de febreiro, os cursos de 5º e 6º de primaria fixeron unha saída á planta de CLESA, moi relacionada co noso PROXECTO DE CENTRO (PDI) "Paparouta". Esta actividade permitiu ao estudantado descubrir en primeira persoa como se elaboran os distintos tipos de iogur e o proceso de tratamento do leite, ademais de aprender moitas outras curiosidades sobre este mundo.
Sen dúbida, foi unha saída moi divertida e enriquecedora, que deixou unha gran impresión no noso alumnado.
Nestes primeiros días, estamos a realizar moitas dinámicas colaborativas e cooperativas nas distintas áreas, co fin de fomentar o traballo en equipo e mellorar a comunicación entre nós.
A idea é que, a través de xiros cooperativos e xogos de confianza, o alumnado vaia mellorando as súas habilidades sociais, á vez que adquire coñecementos en diferentes materias.
A maiores, recentemente fixemos unha saída ao Cross de Negreira. Foi unha experiencia estupenda, na que non só fixemos deporte, senón que tamén reforzamos o traballo en equipo e a superación persoal.
Estamos moi motivadas e motivados e con moitas expectativas para este trimestre !
Saúdos a todas e todos!
Esta semana, os nenos e nenas de 5º e 6º curso do noso centro participaron nunha saída didáctica a Santiago de Compostela. Foi unha experiencia inesquecible que nos permitiu coñecer máis de preto o funcionamento das institucións e desfrutar da riqueza cultural e social da nosa capital.
Comezamos a xornada cunha visita ao Parlamento de Galicia, onde aprendemos como se toman decisións que afectan a toda a nosa comunidade autónoma. O alumnado puido observar de primeira man o funcionamento desta institución e a importancia de participar activamente na vida democrática.
Despois, aproveitamos para achegarnos á Praza de Abastos, un lugar cheo de vida e diversidade, onde vimos como chegan produtos frescos de toda a contorna galega.
Logo destas visitas gozamos dun paseo pola zona vella de Santiago, un espazo cargado de historia e encanto. Visitamos a emblemática Praza do Obradoiro, que estaba fermosamente decorada , un detalle que marabillou a todos e todas.
Foi o broche perfecto para un día cheo de aprendizaxes e emocións.
Agora, toca descansar e recargar pilas para o que nos traerá o novo ano. Feliz Nadal a todos e todas! ?✨
O pasado luns, tivemos a sorte de participar nun obradoiro moi especial a cargo de Natalia, de Nutricoles, no que nos mergullámos no mundo do etiquetado nutricional.
Que aprendemos no obradoiro?
Durante a sesión, Natalia explicou detalladamente como ler e comprender as etiquetas dos alimentos. Aquí van algúns dos puntos clave que tratamos:
-
A lista de ingredientes: Sabías que os ingredientes aparecen ordeados de maior a menor cantidade? Isto permítenos identificar os principais compoñentes dos produtos e detectar, por exemplo, azucres ou graxas.
-
A información nutricional: Natalia ensinounos a interpretar os valores como calorías, graxas, carbohidratos e proteínas por cada 100 gramos, un truco útil para comparar produtos similares.
-
A importancia do etiquetado claro: Aprendemos a detectar e identificar os produtos realmente saudables.Tamén aprendemos que a normativa europea de alimentación establece directrices e regulamentos que garanten a seguridade, a calidade e a transparencia dos produtos alimentarios na Unión Europea (UE).
Un dos momentos máis interesantes foi cando revisamos as etiquetas dos petiscos que consumimos nas últimas semanas. Entre todos analizamos cales eran máis saudables e cales tiñan melloras por facer. Foi sorprendente descubrir que algúns snacks, que pensabamos que eran "bos", estaban cheos de azucres engadidos ou aditivos innecesarios.
Tras identificar os produtos menos saudables, Natalia deunos ideas para substituílos por alternativas máis nutritivas. Por exemplo:
- Cambiar as galletas industriais por froitos secos ou galletas caseiras con fariñas integrais.
- Substituír as bebidas azucradas por infusións ou auga.
- Optar por snacks frescos como froita ou verduras.
Este obradoiro foi unha oportunidade fantástica para reflexionar sobre os nosos hábitos alimentarios e adquirir ferramentas prácticas para melloralos . Coñecer os alimentos que consumimos é o primeiro paso para coidar da nosa saúde e a do planeta.
ESCOITA AQUÍ A INFORMACIÓN DO NOSO OBRADOIRO.
- «Páxina seguinte
- 1
- 2
- 3
- »Páxina seguinte